Friday 10 de May de 2024

A Xunta e AFundación clausuran “A Coruña no Tempo” superando os 10.000 visitantes e unha exposición que afonda na identidade urbana da cidade


— A mostra pecha as súas portas na sede de Afundación este sábado tras acadar unha media diaria de 190 visitas

— Comisariada por Manuel Gago, con Rubén Ventureira como coordinador local, a cuarta das sete exposicións do proxecto ‘Cidades no tempo’ é a que suma maior afluencia de público

— Tras Santiago, Ferrol, Lugo e A Coruña, o percorrido, que acada en total as 25.000 visitas, continúa en Vigo a finais de outubro

A exposición A Coruña no tempo, organizada pola Xunta de Galicia e a Afundación, pecha as súas portas o vindeiro sábado¬ 16 na sede da entidade na Coruña superando os 10.000 visitantes. A mostra, inaugurada o 12 de xullo, reúne ao redor dun cento de pezas entre obras de arte, fotografías, documentos e mapas históricos e obxectos simbólicos, construíndo un relato único sobre a identidade dunha urbe exemplo de emprendemento e dinamismo.

Despois do paso por Santiago (xuño-setembro 2022), Ferrol (novembro 2023-xaneiro 2024) e Lugo (marzo-maio 2023), a da Coruña é polo de agora a mostra con máis afluencia de público no marco de Cidades no tempo, cunha media diaria de 190 persoas. O proxecto expositivo, que suma 25.000 visitas en total, contempla sete mostras, continuando o seu percorrido a finais de outubro en Vigo.

Comisariada por Manuel Gago, e co asesoramento do xornalista coruñés Rubén Ventureira, A Coruña no tempo aborda o pasado e presente da cidade desde distintas perspectivas como son a cultura, a creación artística, a estética urbanística, a industria e a economía, o entretemento e a memoria. Unha oportunidade excepcional de achegarse ás orixes e evolución da Coruña.